Saturday 18 de May de 2024

O alcalde de Oleiros nega á oposición a información solicitada sobre os altercados rexistrados nas festas deste verán


O PARTIDO POPULAR LAMENTA A CONVOCATORIA IRREGULAR DO PLENO EXTRAORDINARIO E A ABSOLUTA FALTA DE CRÍTICA NA ACTUACIÓN DO CONCELLO

O pasado xoves tivo lugar o pleno extraordinario que solicitaran conxuntamente polos grupos municipais de PP e PSOE, sobre os altercados rexistrados nas festas patronais deste verán en Santa Cruz e Dorneda.

Desde o Partido Popular denunciamos que a propia convocatoria do pleno extraordinario foi irregular, xa que de non celebrarse en prazo cando se solicitou, debería celebrarse o día 27 de setembro, de maneira monográfica e co tempo necesario para poder debater os graves incidentes acaecidos. No seu lugar, e coa aparente intención de pasar o máis desapercibido posible o mal grolo que supoñía
para o alcalde ofrecer explicacións dos graves fallos de seguridade, preferiu restrinxir o pleno extraordinario a unha sesión de media hora, xusto antes do Pleno ordinario. Así podía controlar á súa conveniencia a duración e o contido das súas explicacións.

Loli Silva, portavoz municipal dos Populares declarou: “O alcalde parece perder o decoro máis elemental. Os incidentes ocorridos nas festas deste verán teñen suficiente transcendencia como para ofrecer a transparencia necesaria desde o concello. É o mínimo que se lle pode esixir a un responsable público. No seu lugar, non deu conta de nada do que se lle pediu, non entregou a documentación requirida,
convocou o pleno de maneira irregular -tratando de diluílo co Pleno ordinario- e mentiu en canto aos medios desprazados, sen ofrecer explicacións sobre os protocolos de seguridade e chegando a manifestar que 7 policías era un número suficiente de efectivos para unha aglomeración de 4.000 persoas, como no caso dos altercados en Santa Cruz.”

“Desde o grupo municipal do PP lamentamos que o alcalde non entenda que é necesario arbitrar medidas para que estes feitos non se volvan a producir. Para el os medios empregados son suficientes e está todo controlado. Nin unha soa petición de desculpas ás comisións de festas, chegando mesmo a instigar a un dos colaboradores a través das redes municipais, o que supón -ademais dunha vergoña-, unha nova utilización de medios públicos con interese partidista”, concluíu a portavoz Loli Silva.